Amosando publicacións coa etiqueta rosalía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta rosalía. Amosar todas as publicacións

mércores, 23 de febreiro de 2022

DÍA DE ROSALÍA

Sumámonos á iniciativa da Fundación Rosalia de Castro para conmemorar o día do seu nacemento e no comedor da nosa escola hoxe serviuse “Caldo de gloria”. 

Trátase dunha iniciativa inspirada no poema da autora titulado “Miña casiña meu lar” no que explica como facer un caldo de supervivencia como o que se facía en moitas casas nesa época. A versión do noso Caldo de gloria temos que agradecerllo a Loli, Tere e Nati.😘


Ademais o Día de Rosalía supuxo unha gran motivación para pasar pola radio! 

Xunto co recitado de "A miña casiña, meu lar" deixámosvos 3 novos podcast para honrar a nosa poeta máis querida. Dous recitais poéticos e un magazine de axenda cultural! Non volos perdades! 🎙💚

DÍA DE ROSALÍA II

Ademais nesta Semana de Rosalía de Castro na que conmemoramos o seu nacemento podedes visitar a Exposición con parte dos traballos na Casa da Cultura. O resto están repartidos por todo o comercio e hostelería do Concello.

Estes días o alumnado desprazouse ata a Casa da Cultura a ver algúns dos traballos realizados. Temos que agradecer ao Servizo de Normalización do Concello de Outes por esta proposta que nos achega á obra de Rosalía de Castro.

martes, 23 de febreiro de 2021

24 de febreiro. Día de Rosalía (II)

 A@s nos@s maiores...

O 24 de febreiro, como todos/as sabemos, é o aniversario do nacemento da nosa gran poetisa, Rosalía de Castro, polo que se celebra o Día de Rosalía.

Con ese motivo, e a proposta do equipo de Dinamización da lingua, nenas e nenos do noso centro, levaron a cabo un recital con algúns dos seus poemas.  

Queremos adicar este recital a toda a comunidade educativa e, de maneira moi especial, a todas as persoas maiores do Concello.

Unha aperta e moita saúde para todos/as!!



venres, 28 de febreiro de 2020

Día de Rosalía


Para celebrar o día de Rosalía de Castro, 24 de febreiro, repartíronse uns poemas  a modo de pergamiño e co que envolvemos caraveis, que se deixaron nas aulas para darlle unha sorpresa ó alumnado.  Tamén se repartiron chapas conmemorativas deste día.


xoves, 22 de febreiro de 2018

DÍA DE ROSALÍA 2018

Neste curso no centro unímonos á iniciativa proposta pola Fundación Rosalía de Castro e traballamos nas aulas o Caldo de glória.

A Fundación Rosalía de Castro volve poñer en marcha no aniversario de Rosalía o “Caldo de Gloria”, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
Moitos locais hosteleiros de todo o país (e máis alá) uniranse o 24 de febreiro a esta celebración, ofrecendo o ‘Caldo de Gloria’ como tapa nos seus establecementos. E desde a Fundación Rosalía convidamos a que todo o país faga o propio nas súas casas e nos restaurantes. Iso si, acompañándoo coa lectura de poemas rosalianos.

Por iso nós lemos nas aulas o citado poema de " Miña casiña, meu lar" que aquí vos deixamos.

POEMA ‘Miña casiña, meu lar’ (Rosalía de Castro)

Miña casiña, meu lar,
cantas onciñas
de ouro me vals. 
Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pé e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar
i anque ganas tiña delas
non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar;
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.
A vista se me varría
que era aquel moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían
que me fora a avergonzar.
Volvinme á miña casiña
alumada do luar;
rexistrei cada burato
para ver de algo atopar:
atopei fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa,
púxenme a Dios alabar.
Quixen alcende-lo lume,
non tiña pau que queimar.
Funllo a pedir a unha vella,
tampouco mo quixo dar
si non era un toxo verde
para me facer rabiar. 
Volvín triste coma a noite
a chorar que te chorar.
Collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar.
Rexistrei polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios dar.
Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escaravellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna...
Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar.
Máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar.
Despois que o tiven comido,
volvín de novo a rezar
e despois que houben rezado
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba
púxenme logo a cantar
para que me oíran
en todo o lugar: 
Meu lar, meu fogar,
cantas onciñas
de ouro me vals.


Como estamos a tra ballar o xornal, que mellor maneira de contextualizar isto que lendo noticias sobre a temática.
Tamén vos deixamos un enlace a un vídeo receita, por se algúen se anima a preparalo nesta fin de semana Rosaliana.

Para rematar presentámosvos a escolma de libros sobre a autora que realizamos na biblioteca e que estará a disposición de todas as nenas e nenos do centro ata a vindeira semana.