martes, 20 de marzo de 2018

"LOU" CURTAMETRAXE


Compartimos con vós esta curtametraxe de animación que trata sobre o acoso escolar. Céntrase no patio dun colexio e o neno que se dedica a quitarlle os xoguetes e a molestar ós seus compañeiros. O neno terá que enfrentarse a Lou, un monstro que vive no baúl de obxetos perdidos e que lle dará unha boa lección de vida. Espero que vos guste!

  

xoves, 15 de marzo de 2018

Encontro con Antón Parada

O pasado martes 13 de marzo, os alumnos de 4º, 5º e 6º de primaria tiveron un encontro con Antón Parada, xornalista da Voz de Galicia.

Dentro do proxecto que estamos a levar a cabo este curso, centrado no xornal, achegámonos á profesión de xornalista con estes encontros.

As alumnas e alumnos preguntaronlle as súas inquedanzas sobre a profesión e mostráronlle a habilidade que teñen adquirida para redactar noticias, logo de traballar durante dous trimestres nos diferentes textos integrantes dun xornal.

Aquí vos deixamos algunhas fotos do encontro e a noticia publicada na Voz de Galicia no día seguinte.








martes, 6 de marzo de 2018

Día da muller traballadora


Durante esta semana voluntari@s de 5º e 6º curso pasaron polas distintas aulas na hora de ler para lerlles a biografía de mulleres que conseguiron vencer as barreiras e destacar en distintos ámbitos.

Na biblioteca tedes unha selección de libros sobre estas mulleres para que conozamos as súas historias e non sexan olvidadas: a primeira navegante, escritoras ou directoras dun xornal.





domingo, 4 de marzo de 2018

Visita da xornalista Ana Conde

No día de hoxe tivemos unha visita moi especial na escola. Os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º tiveron un encontro con Ana Conde, xornalista.

Nesta semana na que celebramos o día da muller traballadora, ana é un exemplo de emprendemento, posto que montou un xornal nun concello limítrofe a Santiago de Compostela chamado Teo. De aí o nome do seu xornal: o TEOVIVO.
Hoxe Ana veu ata a nosa escola para contarnos en que consiste o seu traballo como periodista. Explicounos como fai o xornal, como consegue as noticias, as entrevistas, as súas seccións e sobre todo da importancia que ten para poder facer un xornal esperar a que pasen as cousas e logo andar a correr para lograr telas preparadas para publicar. 
Xuntos redactamos noticias sobre o cole e puxémoslle as fotos utilizando os programas informáticos que Ana nos dixo que eran moi difíciles de aprender a utilizar.

Tamén lle fixemos moitas preguntas que tiñamos anotadas e que nos foran xurdindo ao longo dos días nos que puidemos ver varios exemplares do seu xornal.

Hoxe deixamos as fotos da actividade á espera de que ana nos envíe o que vai publicar sobre nós no mes de abril. Que nervios!!





xoves, 22 de febreiro de 2018

DÍA DE ROSALÍA 2018

Neste curso no centro unímonos á iniciativa proposta pola Fundación Rosalía de Castro e traballamos nas aulas o Caldo de glória.

A Fundación Rosalía de Castro volve poñer en marcha no aniversario de Rosalía o “Caldo de Gloria”, unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
Moitos locais hosteleiros de todo o país (e máis alá) uniranse o 24 de febreiro a esta celebración, ofrecendo o ‘Caldo de Gloria’ como tapa nos seus establecementos. E desde a Fundación Rosalía convidamos a que todo o país faga o propio nas súas casas e nos restaurantes. Iso si, acompañándoo coa lectura de poemas rosalianos.

Por iso nós lemos nas aulas o citado poema de " Miña casiña, meu lar" que aquí vos deixamos.

POEMA ‘Miña casiña, meu lar’ (Rosalía de Castro)

Miña casiña, meu lar,
cantas onciñas
de ouro me vals. 
Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pé e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar
i anque ganas tiña delas
non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar;
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.
A vista se me varría
que era aquel moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían
que me fora a avergonzar.
Volvinme á miña casiña
alumada do luar;
rexistrei cada burato
para ver de algo atopar:
atopei fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa,
púxenme a Dios alabar.
Quixen alcende-lo lume,
non tiña pau que queimar.
Funllo a pedir a unha vella,
tampouco mo quixo dar
si non era un toxo verde
para me facer rabiar. 
Volvín triste coma a noite
a chorar que te chorar.
Collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar.
Rexistrei polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios dar.
Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escaravellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna...
Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar.
Máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar.
Despois que o tiven comido,
volvín de novo a rezar
e despois que houben rezado
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba
púxenme logo a cantar
para que me oíran
en todo o lugar: 
Meu lar, meu fogar,
cantas onciñas
de ouro me vals.


Como estamos a tra ballar o xornal, que mellor maneira de contextualizar isto que lendo noticias sobre a temática.
Tamén vos deixamos un enlace a un vídeo receita, por se algúen se anima a preparalo nesta fin de semana Rosaliana.

Para rematar presentámosvos a escolma de libros sobre a autora que realizamos na biblioteca e que estará a disposición de todas as nenas e nenos do centro ata a vindeira semana.







xoves, 15 de febreiro de 2018

Xogos na ludoteca

Como xa sabedes este curso podedes ir nos recreos a aula de audiovisuais, xa que alí atoparedes xogos como parchís, ocas, xadreces, dominós, xogos de estratexia, preguntas e respostas..


        Un dos xogos  de mesa que podedes encontrar trátase de CATAN junior, para nenos/as de 6 anos en adiante. Os xogadores teñen que construir barcos e guaridas de piratas cos materiais que producen os terreos. Deixovos aquí un vídeo no que explica como xogar.







CARCASSONNE junior. A partir de 4 anos.

É o día 14 de xuño, festa nacional de Francia. Os nenos pásano en grande intentando devolver a todos os animais ós seus currais antes de que se poña o sol, xa que é tradición ese día soltar a ovellas, galiñas e vacas polo pobo. Coloca as fichas da túa cor sobre o terreo.





DIXIT. Edad recomendada+ 8 anos. Xogo de cartas ilustradas para contar historias. Encontra a carta adecuada sen caer na trampa.





xoves, 1 de febreiro de 2018

30 de xaneiro. DÍA DA PAZ

O día 30 foi o día da paz.

Algunhas aulas do centro acudiron á bibliotca escolar buscar fondos para celebrar esta conmemoración.

A aula de 5 anos A estivo a traballar sobre a figura de MALALA, levaron todos os libros que falaban sobre esta nena para a súa biblioteca de aula.


Este é o resultado do seu traballo.
































Na clase de relixión para conmemorar tal día os nenos e nenas tamén traballaron diferentes figuras promotoras da paz no mundo, este traballo foi reforzado en algunhas titorías traballando as súas biografías a partir dos seguintes libros.




luns, 29 de xaneiro de 2018

Apadriñamento lector

      Dentro das actividades de fomento da lectura comezamos cunha actividade en que se establecen relacións entre alumnado de distintas idades. Realizamos un apadriñamento lector entre alumnado de cursos superiores cos nenos e nenas de cursos inferiores. Cada día, dúas clases foron a biblioteca na hora de ler e cada neno de menor idade elixiu un conto que quería que lle leran. Organizáronse por parellas e situáronse en diferentes recunchos da biblioteca para desfrutar da lectura. Foi unha actividade moi enriquecedora!
 



luns, 22 de xaneiro de 2018

Prensa estranxeira

No noso quiosco fomos aumentando a sección de prensa estranxeira. Xa contamos cun gran número de xornais de diferentes países e rexións de España.




 Reino Unido

Financial Times
London Evening Standard
The times
The Guardian
The Daily Telegraph
The sun


Le Monde -Francia
Correio da manha- Portugal
Weit am sontag -Alemania
The New York Times -Estanos Unidos



Berria- País Vasco
El periódico de Catalunya-Cataluña
Sermos-Galicia





venres, 19 de xaneiro de 2018

Formatos do xornal


Compartimos con vós unha presentacion de diapositivas que resume os distintos formatos nos que se pode imprimir un xornal.








domingo, 14 de xaneiro de 2018

Proxecto O xornal 2º fase


Seguimos traballando co xornal, nesta fase centrámonos na noticia. Nas distintas aulas vanse realizando actividades centradas neste tipo de texto:

_Identificar as partes.
_Que preguntas responde.
_Debuxar o "molde" da noticia.
_Buscar a parte que lle falta a unha noticia.
_Completar noticias ás que previamente se lle quitou algún fragmento.
_Recompoñer unha noticia  a partir das súas partes.
_Escribir pés de foto.
_Traballar as siglas que aparecen
_Tipos de oración e linguaxe utilizada.
_Analizar citas textuais, tipografia, citas directas e indirectas
_  Esctibir  noticias de feitos relevantes para o alumnado.






luns, 8 de xaneiro de 2018

Os dicionarios

Unha das funcións da biblioteca escolar é formar mediatica e informacionalmente aos usuarios.

Nesta ocasión proporcionámosvos un material para coñecer ben este recurso tan utilizado na escola.
Para que serve un dicionario? Como pescudamos información nel? Que tipos de dicionarios existen?

Clicando na imaxe acederedes a un recurso elaborado polo IES Porto do Son. Grazas por compartir con todos o voso traballo.




mércores, 20 de decembro de 2017

Recomendacións de lectura para o Nadal

Aquí vos deixo os meus libros e xogos  favoritos para este Nadal.
Felices festas de parte da vosa amiga Saisa e do todo o equipo de biblioteca do CEIP de Outes.